Contacontos para nenos e nenas de 3 a 9 anos.
Data: todos os luns de mes, agás os períodos de vacacións escolares.
Hora: 18:00 horas.
Lugar: Biblioteca Municipal de Gondomar.
Coordinadoras: Marta Fernández, Mirian Rodríguez e Beatriz Pereiro.
O Contomar é un contacontos que Espazo Lectura organiza na Biblioteca Municipal de Gondomar.
As sesións realízanse todos os luns de mes ás 18:00horas, dende outubro a maio exceptuando os períodos de vacacións escolares.
Protagonizado por un grupo aberto e diverso de voluntarias e voluntarios, esta actividade ten como obxectivo crear un espazo de encontro dos nenos e nenas cos libros e a lectura.
As persoas contan sempre co libro presente, xa que o obxectivo da actividade é a promoción da lectura. Preténdese, polo tanto, que os nenos e nenas vexan que esas historias que lles gustan están nos libros, e faise fincapé nos nomes dos autores/as e dos ilustradores/as, procurando que a selección teña en conta distintos tipos de propostas de libro infantil.
O Contomar: actividade fundacional de Espazo Lectura
Todos os luns ás seis da tarde, dende febreiro de 2006 ata marzo de 2017 (exceptuando as vacacións escolares), Espazo Lectura organizou na Biblioteca Municipal de Gondomar, de xeito desinteresado, o Contomar. Tratábase dun contacontos semanal coordinado polo seu propio voluntariado, ao que calquera persoa podía asistir gratuitamente. A partir de marzo de 2017, debido a un grave desacordo co goberno municipal de Gondomar e logo de dous anos dun constante entorpecemento das actividades que Espazo Lectura realizaba na Biblioteca Municipal, a asociación decidiu suspender o Contomar de xeito indefinido, así como todas as demais actividades realizadas na biblioteca. A pesar de que se produciron dous acordos plenarios nos que se instaba ao alcalde a recuperar o diálogo con Espazo Lectura, o incumprimento deses acordos levou á asociación a tomar a determinación de non realizar ningunha actividade de fomento da lectura na Biblioteca Municipal –que nin sequera conta con bibliotecario– ata que a institución municipal considere que Gondomar debe contar cunha biblioteca digna dunha poboación de 14.000 habitantes.
Protagonizado por un grupo aberto e diverso de nais e pais, esta actividade tiña como principal obxectivo crear un espazo de encontro dos nenos e nenas cos libros e a lectura a partir de dous piares fundamentais: as familias (son as propias nais e pais dos nenos asistentes os que preparan e contan as historias) e a biblioteca (as sesións realizábanse sempre na Biblioteca Municipal de Gondomar).
Ao Contomar asistían nenas e nenos a partir de tres anos de idade. De xeito habitual acudían ás sesións semanais do Contomar unha media de 40 nenos e nenas. Neste sentido, o traballo de Espazo Lectura supuxo un importante incremento do número de socios infantís da Biblioteca Municipal. Por outra parte, a través do Contomar mantíñase unha relación cos centros de ensino que son socios protectores de Espazo Lectura, cuxo profesorado colaboraba activamente coa actividade preparando unha sesión especial do contacontos ao longo do curso escolar.
Durante todo este tempo, no Contomar celebráronse sesións especiais con motivo dalgunhas datas sinaladas no Calendario da Lectura (Día da Poesía, Día do Teatro, Día do Libro, Día das Letras Galegas etc.) ou para comezar e rematar a tempada. Con ese efecto programamos obras de teatro, títeres, concertos musicais e outras actividades relacionadas sempre cos libros que se len nas distintas sesións. Nesas ocasións especiais, polo Contomar pasaron escritores/as, ilustradores/as, actores e actrices, músicos/as, contacontos ou narradores e narradoras orais. Outra das sesións especiais que acollía o Contomar é a que preparaba o equipo coordinador de Contos en Cueiros, o cal, cara ao final da tempada, convidaba os nenos e nenas que cumprían 3 anos e que xa deixaban de asistir á actividade dirixida a bebés, a que asistisen ao Contomar e puidesen, dese xeito, seguir participando nas actividades de Espazo Lectura na nova etapa que comezaban.
Tamén se celebraban Cumprecontos. Isto é, celebrábanse cos libros os aniversarios das nenas e nenos que asistían de xeito habitual ás sesións. Ese día o neno ou a nena que estaba de aniversario convertíase en protagonista dunha parte da sesión: sentábase á beira da persoa que estaba a contar o contos, cantábaselle os parabéns e, como acto central, contábaselle o seu conto favorito, aquel que el eilixía. Ao final, a nena ou o neno recibía un agasallo de Espazo Lectura.
O Contomar, creado en febreiro de 2006, é a actividade fundacional de Espazo Lectura.