o próximo martes día 24, ás 20:00 horas, celébrase na Xamonería Catro Camiños de Gondomar a sesión mensual do club Lecturas Debuxadas, na que comentaremos «Door», de Antonio Martínez Ron e David Cuence. Contaremos coa presenza de David Cuence a partir das nove a noite para comentar con el a súa obra. Esta actividade está incluída na XI Semana do Libro e a Lectura.
Na xuntanza do mes de marzo comentamos a obra «Mort Cinder». Con guión de Héctor Germán Oesterheld e debuxo de Alberto Breccia, publicouse de forma seriada na revista arxentina «Misterix» entre os anos 1962-64, e está considerada un dos clásicos imprescindibles do cómic. Arranca a obra como un relato de terror e misterio, que serve tamén para presentar os seus protagonistas, e segue cunha serie de historias curtas, lembranzas da longa, longuísima e abraiante vida de Mort Cinder. Oesterheld utiliza os obxectos como vínculo con épocas pasadas, como catalizadores de recordos e anécdotas que constitúen a segunda parte da obra.
O debuxo de Breccia completa esta atmosfera de misterio e melancolía de xeito admirable, maxistral. Cun control absoluto dos claroscuros, da liña e da mancha, das texturas e das tramas, podémolo admirar ademais nesta edición sen ningún tipo de procesado posterior, grazas á reprodución directa desde os orixinais de artista (sempre que foi posible).
Resultou ademais interesante poder comparar as edicións con e sen este procesado, e tamén comentamos brevemente outras obras de Breccia e Oesterheld que apareceron por alí.