No mes de outubro, Espazo Lectura inicia o seu habitual calendario de actividades de fomento do libro e a lectura.
A partir do mércores 2 de outubro, a Casa da Lectura recupera as sesións semanais de dinamización lectora, e nesa mesma semana retómanse as xuntanzas dos diferentes clubs de lectura.
O xoves 3 de outubro, primeira xuntanza do Sete Vidas coa presenza de Ledicia Costas
O 3 de outubro, o club de lectura Sete Vidas reunirase na Casa da Lectura a partir das 20:00 horas para comentar a novela «Infamia» (Ed. Xerais) de Ledicia Costas. Contaremos coa presenza da autora durante a sesión.
O 15 de outubro, Club Lecturas Debuxadas
A primeira xuntanza do Lecturas Debuxadas será o 15 de outubro ás 20:00 horas, na Casa da Lectura, para falar de «Betty Boob», de Julie Rocheleau e Vero Cazot (Ed. Planeta Cómic).
O 26 de outubro, Lendo Contigo, coa presenza de Paula Carballeira
O club de lectura compartida para nenos e nenas de Primaria, acompañados polas súas familias, reunirase o sábado 26 na Casa da Lectura a partir das 12:00 do mediodía. O libro que se vai comentar é «Bruxa e familia», de Paula Carballeira (Oqueleo). A autora estará con nós durante a sesión.
A actividade para bebés Contos en Cueiros, así como o club de lecturas feministas Daquelas que Len, tamén retomarán as súas programacións, das que daremos conta nos vindeiros días.