Hoxe, na sesión do club de lectura compartida Lendo Contigo, contamos coa presenza de Ana María Fernández que viu acompañada polo seu home, o tamén escritor Xoán Babarro.
Ana María, antes de comentarnos cousas sobre o libro que lemos este mes (Poemas que me cantou o grilo), falounos da súa infancia, de que dende pequena quixo ser escritora, de como os seus pais agochaban á mantenta libros na casa para que ela e a súa irmá sentisen curiosidade por eles e así fomentar nelas as ganas de abrilos e lelos…
Sobre Poemas que me cantou o grilo díxonos que era un libro que sabía moito de caixóns escuros, porque cada vez que escribía un poema dedicado a algún animal metíao nun caixón e só cando tivo o caixón cheo, cun número suficiente de poemas, se decidiu a publicalos, e esa é a orixe deste poemario.
Para rematar, os nenos e nenas crearon con Ana María Fernández rimas e un poema dedicado á primavera: “Se crecen as flores é porque chegou a primavera, / se cantan os paxaros é porque chegou a primavera, / se xa non vai frío é porque chegou a primavera, / se estou máis contenta é porque chegou a primavera…”
Para a próxima sesión do Lendo Contigo propomos o libro Dez piratas, de Gloria Sánchez, autora que estará connosco na biblioteca de Gondomar o 25 de abril.