O día 24 de outubro celébrase o Día da Biblioteca. Dende Espazo Lectura sumámonos á celebración deste día, pero tamén queremos aproveitar para seguir demandando unha biblioteca digna para Gondomar. Unha biblioteca que siga as directrices IFLA/Unesco para o Desenvolvemento do Servizo de Bibliotecas Públicas e que poña punto final ás graves carencias actuais.
Desde que Espazo Lectura suspendeu de maneira definitiva as actividades que viña realizando na Biblioteca Municipal no mes de maio de 2017, a situación non mudou en absoluto. A Biblioteca Pública de Gondomar é a única biblioteca municipal do Val Miñor que carece de orzamento regular para a compra de fondos; a Biblioteca Pública de Gondomar é a única biblioteca municipal do Val Miñor que carece de zonas diferenciadas para os distintos tipos de usuarios/as; a Biblioteca Pública de Gondomar é a única biblioteca municipal do Val Miñor que carece dun/dunha responsable bibliotecario/a. A Biblioteca Pública Municipal de Gondomar é a única biblioteca municipal do Val Miñor que segue a ter unhas instalacións precarias e inadecuadas, mentres que Baiona xa inaugurou unha nova instalación e Nigrán está en proceso de facelo.
- As necesidades máis urxentes que ten a Biblioteca Pública de Gondomar e que Espazo Lectura vén reclamando desde hai anos (e que entregamos durante cada período electoral nun documento público a todos os grupos políticos do concello) son as seguintes:
A creación de distintos espazos de uso que contemplen zonas que, na medida do posible, non interfiran entre si e que atendan as distintas necesidades dos usuarios/as, incluída a zona infantil, sala de estudo e un espazo diferenciado para albergar as coleccións. Hoxe en día xa non é concibible a existencia dunha biblioteca pública que careza de zona infantil. Non hai máis que lembrar as Directrices IFLA/Unesco para o Desenvolvemento do Servizo de Bibliotecas Públicas, que no seu apartado 3.4.2. di expresamente que «As bibliotecas públicas teñen unha responsabilidade especial no que se refiere a apoiar o proceso de aprendizaxe da lectura e a promover os libros e outros medios entre os nenos e nenas. - A renovación de todo o mobilidario da biblioteca, debido a que o actual é anticuado, inaxeitado e mesmo perigoso, cuestión da que os voluntarios/as de Espazo Lectura advertiron reiteradamente: algunhas das estanterías son inestables e as mesas e as cadeiras son moi pesadas e inapropiadas para o público infantil, tanto que podería chegar a causar accidentes. O mobiliario dunha biblioteca ten que ser lixeiro, flexible e multifuncional, ademais de específico para os usuarios infantís. Pola contra, as mesas e cadeiras para o público infantil da biblioteca de Gondomar son mesas e cadeiras convencionais ás que se lles serraron as patas.
- A Biblioteca Municipal de Gondomar carece dun orzamento anual dedicado á compra de libros; os libros non se renovan nin actualizan e moitos dos fondos están completamente desfasados. A ese respecto a maioría dos usuarios e usuarias son conscientes da inutilidade da biblioteca para servizo de consultas e, mesmo, para a maioría das funcións do servizo de préstamo bibliotecario. Neste punto, volvemos citar as directrices da IFLA/Unesco: « Os niveis apropiados de financiamento son cruciais para que unha biblioteca pública desenvolva as súas funcións con éxito. Sen un financiamiento axeitado a longo prazo é imposible elaborar políticas de prestación de servizos nin facer o mellor uso posible dos recursos dispoñibles». (punto 2.4)
- Ademais, tamén é imprescindible realizar un expurgo profesionalizado e eficaz dos fondos actuais da Biblioteca Municipal de Gondomar.
A axeitada catalogación, etiquetaxe e sinalización dos fondos da biblioteca é outra das cuestións pendentes. Evidentemente, nestes momentos non se cataloga porque non existen novas adquisicións, pero tamén porque non existe persoal co perfil axeitado que saiba facelo. - A creación da praza dun bibliotecario/a público coa imprescindible formación en biblioteconomía é outra das demandas históricas de Espazo Lectura aos distintos gobernos municipais. Esa praza non pode ser, de ningún xeito, ocupada por un bolseiro que case sempre descoñece por completo como funciona unha biblioteca pública e que, por permanecer no posto un tempo limitado, non permite traballar nin con criterios profesionalizados nin coa continuidade e estabilidade necesarias.
Desde Espazo Lectura continuaremos demandando unha biblioteca digna para Gondomar, porque consideramos que é un servizo público imprescindible, que crea acceso igualitario á cultura, e é fundamental e absolutamente necesaria para o desenvolvemento e a participación da cidadanía nun estado democrático.