A conta atrás, no 20 aniversario do desastre do Prestige

Recentemente, acaba de publicarse a reedición do cómic A conta atrás na que se inclúe a primeira parte, publicada en 2008, a segunda parte, inédita ata agora, e un epílogo creado despois de coñecer a sentencia xudicial. Cóntase a historia do desastre do Prestige desde o punto de vista dos diferentes personaxes (mariñeiros, periodistas, políticos, activistas, voluntarios…) conformando unha visión ampla e reflexiva do ocorrido en novembro de 2002.

A conta atrás, de Carlos Portela e Sergi San Julián, será a proposta do Club Lecturas Debuxadas deste mes: o martes, 15 de novembro, a partir das 20:00h, na Biblioteca municipal de Gondomar.

Contaremos coa presenza dos autores e poderemos participar mediante videoconferencia (enviar correo a lecturasdebuxadas@gmail.com).

IMG_4683

No Lecturas Debuxadas comezamos a tempada con Soy la Malinche da viguesa Alicia Jaraba Abellán. Foi o martes 18 de outubro na Biblioteca Municipal, onde había 13 persoas e 3 máis por videoconferencia.

Trátase dun relato intimista que ten como protagonista á Malinche, filla dun cacique nahua caído, que grazas ao seu dominio de varias linguas acabaría converténdose en intérprete e conselleira de Hernán Cortés con tan só 18 anos.

Tanto para as persoas que coñecían o personaxe histórico como para aquelas que non sabían da súa existencia resultou unha lectura cautivadora e sorprendente. Unha visión poliédrica do choque cultural que supuxo a conquista de México e na que se poñen de manifesto moitos aspectos que teñen que ver coas mulleres, a comunicación, os afectos, a liberdade, a adaptación e a diversidade humana. Todo isto fuxindo dunha visión maniquea e reducionista.

Alicia Jaraba incorporouse ao club na segunda hora e explicou como foi o proceso de creación da obra e deunos moitas claves para coñecer de maneira máis profunda á Malinche.

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *