Este venres, na Casa da Lectura en Donas, última sesión do Club de Lectura compartida en familia
Este venres, a partir das 8 da tarde, na Casa da Lectura de Donas, terá lugar a última sesión desta tempada do Club de Lectura compartida Lendo contigo para nenos e nenas de 7 a 11 anos e as súas familias que organiza Espazo Lectura.
Para este último día do curso o libro escollido é O meu pesadelo favorito (Galaxia), de María Solar. Recentemente esta obra foi galardoada co Premio ao Mellor Libro do Ano de Literatura Infantil e Xuvenil na Gala do Libro Galego celebrada hai quince días en Santiago.
Contaremos coa presenza da autora, María Solar, presentadora do programa A Revista da TVG, que nos falará dos pesadelos e de moitas outras cousas.
Ademais, haberá unha festa-cea compartida remate do Club con todas as cousas que leven os nenos e nenas e as súas familias.
A sesión do mes de abril estivo dedicada ao teatro e xirou arredor da obra As terapias da doutora Ledicia, de Raquel Castro. Contamos coa presenza da autora e desfrutamos do teatro con todos os nenos e nenas e as súas familias.