A noite do pasado 1 de xuño celebrábase a VI Noite na Biblioteca coa que se pechaba por esta tempada o calendario de actividades infantís programadas por Espazo Lectura.
Por primeira vez, non había actividade de tarde pola coincidencia co remate das Escolas Deportivas do Concello.
Así pois, a iso das dez da noite, 30 nenas e nenos con pixamas, sacos de durmir e cepillos de dentes xuntábanse na Biblioteca Municipal de Gondomar para gozar coas propostas preparadas arredor do libro Contatrás, de Paula Carballeira.
O primeiro que lles sorprendía era a divertida árbore que ocupaba o espazo central da biblioteca. As súas pólas de cores abranguían case todos os recunchos da sala.
A Noite comezaba cun xogo poético de presentación no que había que facer rimas a partir dos nomes dos participantes. Logo chegaba o momento de xogar en equipo a partir dos poemas do libro de Paula. O xogo tiña un nome moi curioso: A Folla máis alta. Cada equipo, representado por cada unha das pólas de cores, tiña que subir o máis alto posible pola árbore conseguindo puntos a partir das probas que se propuñan relacionadas con algúns dos poemas do libro. Fixeron de todo: recitaron, adiviñaron sons de animais, cantaron, transportaron balóns xigantes,… E, ao final, entregábanse as medallas ao equipo gañador, aínda que iso era o menos importante.
A iso das doce era cando tiña lugar o momento máis especial da Noite: Chiqui Pereira e Paula Carballeira, membros da Compañía de Teatro Berrobambán (socia protectora de eL), preparaban un espectáculo de poesía, danza e teatro baseado nas historias fermosas de Contatrás. Quedaban todos e todas enfeitizados polo poder máxico das palabras e polos movementos debuxados no ar por corpos convertidos en xirafas, en tigres,… E agradecían con grandes aplausos a Chiqui e Paula a súa complicidade, a súa alegría e o seu amor por todo o que de poético ten o mundo que nos rodea.
Os sacos e o soño esperaban ata tarde polos seus ocupantes. Algúns aínda tiñan tempo de darlle un pouco á lingua. Foran demasiadas emocións…
Pola mañá aínda había cousas por compartir: un gran xogo colectivo e cooperativo no que había que responder a preguntas sobre o espectáculo da noite anterior e así poder cruzar un río e construír un gran muro feito con ladrillos que gardaban as sílabas dos nomes dos participantes e o título do libro protagonista da Noite. E unha gran sorpresa final agochada no interior dalgúns dos ladrillos: un agasallo en forma de libro,o de Contatrás, para cada un dos nenos, e asinado por Paula Carballeira!
Un almorzo reparador con leite, cereais, biscoitos e galletas puña o remate á Noite.
Atrás quedaban nove meses intensos cheos de contos, de soños, de cancións, de xogos, de encontros, de amigos… Un ano máis pasaba; e aquí seguimos, escribindo con libros o futuro, inundando de palabras a liberdade…