Contos en Cueiros despide este venres a tempada cunha sesión na Casa da Lectura

O venres 26 de maio celebrarase a última sesión da tempada de Contos en Cueiros, que estará dedicada ao conto Polo camiño, de Mariana Ruiz Johnson (Kalandraka). A cita será ás 18:00 horas na Casa da Lectura.

Nesta sesión despediremos os nenos e nenas que xa son taaaan grandes, que os cueiros lles quedan pequenos. Polo que vos pedimos que na inscrición nos indiquedes se os vosos fillos ou fillas xa cumpriron ou cumpren este ano 3 aniños, porque lles queremos dar unha sorpresa de despedida.

Criterios de inscrición

Contamos cun aforo limitado a 25 bebés acompañados de 1 adulto. Os criterios de inscrición son os seguintes:

– Terán prioridade os fillos/as de socios e socias de Espazo Lectura, por orde de inscrición, e os nenos e nenas de tres anos que se despidan este curso da actividade.

– Para inscribirse cómpre enviar un correo a contosencueiros@gmail.com e facilitar:

– o nome do bebé
– o ano denacemento: nenos/as de 0 a 3 anos nacidos en 2014 ou despois
– o nome da persoa adulta que o vai acompañar
– un teléfono de contacto (para avisar en caso de quedar en lista de espera)
en caso de ser socios/as, o nome do socio/a

– Todas as persoas que se inscriban deben esperar un correo de confirmación para saber se finalmente teñen praza. Ese correo enviarase o día en que remata o prazo de inscrición: MÉRCORES anterior á sesión ás 12:00 h do mediodía.

O mes pasado desfrutamos en Contos en Cueiros dunha merenda con contos na Casa da Lectura. Como estaba tan bo día, logo de presentar a biblioteca da Casa da Lectura, dispoñible para todas as persoas que queiran facerse usuarias, saímos fóra a contar contos. Primeiro, convidamos ás nais e pais dos bebés a que se animasen a ler un contiño e invitámolos a incorporarse aos grupos de voluntariado de Espazo Lectura. Despois, o equipo coordinador contamos o conto “A eiruga larpeira” e despois merendamos froita e algunhas lambonadas, igual que a eiruguiña! Aquí pódense ver as fotos dese día: https://goo.gl/photos/mYBMdzzjcb5ttUNX6