Contos en Cueiros organiza o concerto para bebés “Fíos do querer”, do Cé Orquestra Pantasma

O venres 26 de febreiro terá lugar un novo encontro de Contos en Cueiros, ás 18:00 horas, na Biblioteca Municipal de Gondomar. Nesta ocasión asistiremos ao concerto-presentación do CD de música para bebés “Fíos do querer” do artista Cé Orquestra Pantasma.

Contamos cun aforo limitado a 30 bebés acompañados de 1 adulto. Os criterios de inscrición son os seguintes:

– Terán prioridade os fillos/as de socios e socias de Espazo Lectura, por orde de inscrición.

– Para inscribirse cómpre enviar un correo a contosencueiros@gmail.com e facilitar:

– o nome do bebé
– o ano denacemento: nenos/as de 0 a 3 anos nacidos en 2013 ou despois
– o nome da persoa adulta que o vai acompañar
– un teléfono de contacto (para avisar en caso de quedar en lista de espera)
– en caso de ser socios/as, o nome do socio/a

Todas as persoas que se inscriban deben esperar un correo de confirmación para saber se finalmente teñen praza. Ese correo enviarase o día en que remata o prazo de inscrición: MÉRCORES 24 de febreiro ás 12:00 h do mediodía.

Na sesión de xaneiro estivo dedicada ás caixas de cartón, para transmitir a idea de que non hai mellor xoguete ca unha caixa de cartón. En cada recanto dun decorado de cartón lemos un conto: “A caixa amarela”, “De quen é este calcetín”, un conto narrado a partir dun xogo de caixas apilables, que fomos montando alí e “Isto non é unha caixa”. Para cambiar de conto, xirabamos oo decorado cantando “Se coa caixiña queres xogar, dálle unha volta e volve xirar”. A medida que contabamos, pintamos con xiz elementos dos contos sobre o cartón negro. E no conto dos calcetíns, como era de texturas, decoramos un dos cadrantes con diferentes texturas, que despois os bebés puideron tocar. Para acabar a sesión, os nenos e nenas puideron xogar libremente cunha chea de caixas de cartón que estaban espalladas pola biblioteca. Estas son as imaxes dese día: