Este mércores, 7 de xaneiro, na sesión de dinamización lectora da Casa da Lectura leremos contos sobre a igualdade, para que todas e todos, nenas e nenos, poidan voar igual de alto. Escoitaremos as historias de “Maruxa” e “Cuando las niñas vuelan alto”. No obradoiro imos eleborar un corazón con ás de papiroflexia. A sesión, coma sempre, comeza ás 18:00 horas e desde media hora antes aténdese o servizo de préstamo bibliotecario.
A semana pasada coñecemos a historia de “Amelia Earhart”, a famosa aviadora estadounidense que foi a primeira persoa que intentou circundar a Terra a través da liña ecuatorial e que desapareceu cando sobrevoaba o Pacífico. Tamén escoitamos “Periplo atlántico. Unha versión libre d’O negro Panchito de Afonso R. Castelao”, historia na cal o pingüín Panchito embarca no Antártida pensando que volvía á súa terra e acaba facendo un periplo polo Atlántico, desde Vigo a Nova York e despois a Cuba, Brasil, Uruguai… durante o cal coñece famosos persoeiros deses países. A encargada de guiar a sesión foi Mali, que pilotou maxistralmente o avión e o barco que nos levaron polo mundo adiante. Despois ensinounos a facer un globo terráqueo e un mapamundi de papel. Unha vez confeccionado, marcamos os itinerarios das viaxes que fixeron Amelia e Panchito. Estas son as fotos dese día: