Ao longo desta semana Espazo Lectura ofrecerá cinco actividades diferentes, destinadas a todo tipo de público, que porán o peche á programación arredor do libro e a lectura que a asociación desenvolveu ao longo da tempada 2018-2019.
Martes 4 de xuño, ás 20:00 horas, club de lectura Daquelas que Len
Na Casa da Lectura celebrarase a última sesión do curso do club de lecturas feministas que botou a andar esta tempada. As lecturas propostas para esta última sesión son os álbums «Pioneiras» e «Pioneiras 2», de Anaír Rodríguez, publicados por Xerais. Contaremos coa presenza da autora.
Mércores 5 de xuño, ás 18:00 horas, concerto Paco Nogueiras na Casa da Lectura
As sesións de dinamización lectora dos Mércores da Casa da Lectura, coma a propia Casa da Lectura, cumpriron 10 anos e Espazo Lectura celébrao pechando a tempada cun concerto infantil de Paco Nogueiras, que presentará o seu disco «Bule Bule».
Xoves 6 de xuño ás 20:00 horas, na Casa da Lectura, club Sete Vidas
A sesión de xuño do club de lectura Sete Vidas estará dedicada ao comentario da novela «As Ramonas», de Ana Cabaleiro, publicada por Galaxia. Durante a sesión, as persoa que se acheguen á actividade poderán conversar coa propia autora sobre a súa obra.
Venres 7 de xuño ás 18:00 horas, na Casa da Lectura, Contos en Cueiros (con inscrición previa)
Os encontros para bebés e as súas familias pecha tempada o vindeiro venres cunha actividade que terá o medio acuático como protagonista. Haberá contos, cancións e sorpresas de despedida.
Ademais das actividades desta semana, o martes 18 de xuño será a sesión de peche do club de cómic Lecturas Debuxadas, co comentario da obra «The Black Holes», de Borja González (Reservoir Books), e a noite de San Xoán celebrarase un ano máis A Fogueira dos Versos, que será a festa de despedida ata o curso que vén.