O equipo de Espazo Lectura prepara, durante o mes de setembro, a nova programación que se caracterizará pola recuperación, case total, das actividades que se viñan realizando antes da pandemia.
Tamén hai que salientar que a Casa da Lectura está en reformas e, polo tanto, non podemos contar aínda con esta instalación para o desenvolvemento da nosa programación. Así, a maioría das actividades celebraranse na Biblioteca Municipal de Gondomar.
A seguir ofrecemos a programación coa que inauguraremos a nova tempada e que se celebrará na Biblioteca Municipal de Gondomar en diversos días e horarios:
CONTOMAR
As sesións de contacontos para nenos e nenas a partir de 3 anos que Espazo Lectura celebra todos os luns lectivos na Biblioteca Municipal de Gondomar inaugurará tempada o 3 de outubro ás 18:00h.
CONTOS EN CUEIROS
Actividade para bebés (ata 3 anos de idade) que recobra a súa periodicidade mensual e terá a primeira sesión da tempada o venres, 21 de outubro ás 17:00h.
CLUB DE LECTURA COMPARTIDA LENDO CONTIGO
Vaise reunir o sábado 22 de outubro ás 12:00h para comentar Patio de Luces de Érica Esmorís (Xerais).
Contaremos coa presenza da autora.
CLUB DE LECTURA SETE VIDAS
O xoves, 6 de outubro contaremos coa presenza de Antía Yáñez, autora de Non penses nun elefante rosa (Xerais).
A sesión dará comezo ás 20:00h.
CLUB DE LECTURAS DEBUXADAS
Yo soy la Malinche (Nuevo nueve) de Alicia Jaraba Abellán será o cómic do que falaremos o martes 18 de outubro ás 20:00h.
COMANDO LE
O grupo de activismo cultural para rapazas e rapaces de máis de 12 anos comezará coa súa primeira sesión o sábado 22 de outubro ás 20:00h.
SERVIZO DE EMPRÉSTITO
Por último, volveremos abrir a Biblioteca da Casa da Lectura na súa sede provisional, nos baixos do antigo Centro de Saúde, todos os luns lectivos de 17:00 a 18:00 a partires de outubro.