O vindeiro 17 de marzo imos celebrar a poesía con Antonio García Teijeiro e a obra Poemar o mar (Xerais), Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil no ano 2017. Contaremos coa presenza do autor e poderemos comentar a obra e facer un pequeno recitado poético nun escenario marítimo. A sesión, coma sempre, será ás 12:00h, pero quedaremos na entrada do Museo do Mar de Galicia, en Vigo, ás 11:55h para dirixirnos xuntos á ubicación exacta en que terá lugar o club de lectura. Calquera persoa interesada pode achegarse e participar. Este é o convite do noso Luisiño:
No mes de febreiro acompañounos Eli Ríos e a súa obra biográfica de María Victoria Moreno, dentro da colección Mulleres Bravas da Nosa Historia (Urco Editora). Eli contounos moitos detalles sobre a vida e obra de María Victoria Moreno, autora á que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas. Entre os datos que compartiu con nós, contounos que María Victoria Moreno escribiu para nenos e nenas e que na súa literatura aparecen personaxes femininas e un amor polo mundo animal, temáticas que ata o momento non se plasmaran nas obras dirixidas aos máis pequenos. Tamén houbo sorpresas, pois celebramos o 181º aniversario do nacemento de Rosalía de Castro e puidemos contar mesmo con ela. Pero non só con Rosalía, senon tamén con Isabel Zendal, Maruja Mallo, Celia Rivas ou Irene González, mulleres Pioneiras que loitaron polos seus soños e contribuíron a que ao avance da sociedade.
Aquí podedes ver as imaxes da sesión: