O próximo martes 21 de abril celebrarase a sesión do Club Lecturas Debuxadas coa proposta de “Astérix en Italia“, a terceira das novas historias dos personaxes de René Goscinny e Albert Uderzo, feitas por Jean-Yves Ferri e Didier Conrad e traducidas ao galego por Mª Isabel Soto López e Xavier Senín Fernández.
Será á partir das 20:00h por videoconferencia.
O martes día 7, o Club Lecturas Debuxadas realizou unha xuntanza extraordinaria, cada quen na súa casa pero conectados e véndonos as caras grazas á tecnoloxía.
Foi unha sesión ben concorrida, na que falamos do cómic de Albertt Monteys “¡Universo!”. O cómic viu a luz por primeira vez en formato dixital na plataforma Panel Sindicate, onde se publicaron en forma de historias independentes pero, dalgún xeito, relacionadas. Pódense descargar e pagar a vontade, e mesmo gratis, nunha política comercial arriscada, pero que resultou exitosa. Posteriormente publicouse en papel unha recompilación das cinco primeiras.
Un conxunto de historias moi orixinais, na liña da mellor Ciencia Ficción de anticipación, adornadas sempre cunha pinga de humor, máis evidente nunhas que noutras. Albert manexa a narración dun xeito excelente, o que fai desta unha lectura tremendamente áxil e pracenteira. O debuxo tamén brilla por si mesmo, tanto na liña (que se ve áxil, precisa) coma no uso da cor, que resulta vibrante e complementa a narración de xeito admirable.
Despois dun bo anaco de charla, uniuse Albert dende Barcelona, e puidemos falar con el non só desta estupenda obra, senón doutros proxectos seus, de futuros traballos, das particularidades do mercado editorial en dixital, etc…
Foi, en definitiva, unha sesión extraordinaria, e tamén resultou xenial, entretida e moi interesante!
As fotos dese día poden verse nesta presentación: