O mércores 22 de abril o Sete Vidas reunirase virtualmente para unha sesión temática. Na situación actual propor unha lectura concreta é complicado; así que, cambiando un pouco a dinámica do club, imos falar das traducións ao galego.
A sesión será ás 20:00 h por videoconferencia.
O xoves 5 de marzo o Sete Vidas reuniuse na libraría Libraida de Gondomar para conversar sobre “Os días felices de Benvido Seixas” de Eduard Velasco (Xerais).
A novela é unha divertida comedia chea de retranca que nos narra a relación amorosa entre Benvido e Mariña e enreda, con entretidas aventuras e anécdotas, cos tópicos das súas opostas clases sociais.
Compartimos a sesión co autor por videoconferencia, xa que non puido acompañarnos por residir actualmente en Cataluña. Eduard falounos da creación da novela coma un mero entretemento incluso sen pretensións da súa publicación. Comentamos moitas das chiscadelas e referencias da nosa cultura que a novela incorpora.