O día 6 de abril falaremos na sesión do Sete Vidas sobre o libro Vento ferido de Carlos Casares. Aproveitaremos a ocasión para tratar tamén aspectos da súa obra e da súa vida. Será na Biblioteca de Gondomar ás 20:00 horas.
Nesta ocasión, no Sete Vidas queremos aproveitar a circunstancia da súa homenaxe, co Día das Letras Galegas 2017, e propoñer a lectura dun dos seus libros máis significativos e interesantes pola súa importante achega na renovación da narrativa galega da época.
Falecido en 2002 (fixo o 9 de marzo 15 anos) e veciño do Val Miñor durante moitos anos, Casares deuse a coñecer con este libro en 1967, no daquela nacente panorama literario galego.
En Vento ferido ofrécenos unha ducia de relatos curtos nos que aborda, cunha técnica anovadora e vangardista, algúns dos temas que serán fundamentais na súa traxectoria: a memoria, a desesperanza e a violencia.
Estará con nós, compartindo tertulia, a partir das 21:00, o seu fillo Hakan Casares.
No mes de marzo a lectura que comentamos foi O verán sen home, de Siri Hustvedt. Estas son as imaxes dese día: https://goo.gl/photos/bANPEZSporvm9a2V9