Ler é difícil


Tras a publicación do recomendable artigo de Antonio García Teijeiro, esta semana A Nosa Terra vólvelle dedicar un espazo á opinión sobre a lectura. Desta volta é a escritora An Alfaya quen reflexiona sobre o tema. Velaí dous fragmentos do texto:

– “Ler non é fácil… É un grande esforzo, un traballo que paga a pena acometer porque a recompensa que conleva tamén é moi importante. Eu estou en contra das estratexias que pretenden transmitir a idea de que ler é fácil. Iso supón banalizar a lectura. Ler é difícil e custa tempo e traballo, pero vale a pena”, afirma a escritora brasileira Lygia Bojunga, no último número da imprescindible Revista Galega de Literatura Infantil e Xuvenil Fadamorgana. Eu subscribo as súas palabras. Adoita “venderse” a lectura como un encontro gozoso entre o lector e o libro, e de feito pode selo, mais só para quen soubo educar os sentidos e aprezar as bonanzas dunha actividade pasiva, que supón un esforzo mental, exercicio da imaxinación e invitación á reflexión.

– “Ler é difícil”, como case todo o que ten interese na vida ou nos fai medrar por dentro, mais para quen queda preso na súa arañeira, como di Lygia Bojunga, “vale a pena”.