O sábado 17 de novembro ten lugar a segunda xuntanza do club de lecturas feministas Daquelas que Len. O libro sobre o que se falará nesta ocasión é “Maternidade fóra de catálogo”, da escritora e xornalista Marga Tojo.
A cita é na Casa da Lectura a partir das 12:00 e contaremos coa presenza autora do libro desde o comezo da sesión.
“Maternidade fóra de catálogo” é un ensaio próximo ao xornalismo narrativo. Parte dun relato en primeira persoa, mestura de crueza e humor, que aborda a crianza no contexto da cidade neoliberal. Arrinca no embarazo, onde constata a activación de mecanismos sociais para marcar a entrada nunha nova categoría preconfigurada. Descobre tamén as barreiras e os tabús de ser madrasta. Desenvólvese durante o asentamento en Madrid da autora e da súa filla aos poucos días de nacer. No medio desa experiencia “Maternidade fóra de catálogo” analiza as dificultades, a ausencia de políticas sociais e de axudas para a familia, a imposibilidade de conciliar, a precariedade, as engrenaxes do crecente modelo de explotación laboral coa ficción do emprendemento, a negación sistémica do gozo e da paixón, o cansazo e a pechazón ante a evidencia de novas realidades familiares. Fala tamén esta obra da separación das amigas que non tiveron fillos, da importancia de seguir defendendo esta opción vital e da necesidade de camiñaren xuntas. Detense nas orixes e traxectorias do aleccionamento ás nais, co valente testemuño doutras mulleres, e na demanda dunha nova masculinidade, á cal tamén se lle dá voz. “Maternidade fóra de catálogo” pon fronte a nós o abismo da disgregación co selo do mercado e algunhas opcións para sobrevivir.
No mes de outubro celebrouse a primeira xuntaza do Daquelas que Len. O libro escollido para a estrea foi «Todos teriamos que ser feministas», da autora nixeriana Chimamanda Ngozi Adichie. Estas son as imaxes dese día.