O próximo martes, 4 de outubro, a asociación Espazo Lectura de Gondomar arranca a súa décima tempada de actividades centradas na promoción e fomento da lectura.
Migallas Teatro, inaugura a tempada cunha sesión de contos na Casa da Lectura
Este ano, inaugurarase a tempada na Casa da Lectura (A Nogueira 8, Donas-Gondomar) coa primeira das sesións semanais de Os Mércores na Casa da Lectura. O mércores 4 de outubro, a partir das 18:00 horas contaremos cunha sesión especial protagonizada por Bea Campos e Paulo Medal de Migallas Teatro, que leva por título “Contos nas orellas”.
Un mes de outubro cargado de actividades
O xoves 5 de outubro, ás 20:00 h na Casa da Lectura, terá lugar a sesión mensual do club de lectura Sete Vidas, na que se comentará a novela Terra queimada. O seu autor, Ramón Caride Ogando, conversará a partir das 21:00 horas coas persoas que queiran achegarse.
O sábado 7, A Banda dos Cueiros presenta o seu novo disco en Santiago de Compostela. Será na Libraría Couceiro ás 12:00 horas.
O martes 10, Espazo Lectura participa nas I Xornadas de literatura infantil e xuvenil e de animación á lectura, que terán lugar na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña.
O martes 17, na Casa da Lectura, comeza a tempada do club de banda deseñada Lecturas Debuxadas, a partir das 20:00h. O cómic elixido é o policial Lamia, de Rayco Pulido.
O venres 27, ás 18:00 h, terá lugar a primeira sesión de Contos en Cueiros (para bebés de 0 a 3 anos), que se celebrará na Casa da Lectura, previa inscrición.
O sábado 28 será a quenda do club de lectura compartida Lendo Contigo, que comeza a súa andaina coa autora Teresa Fernández Costas, quen falará do seu libro Fred Quincalla e o nómade do mar para todas as familias que queiran achegarse a partir das 12:00 h á Casa da Lectura.
O mesmo día 28, ás 20:00 h, arrancan as sesións do Comando Le. Coma sempre, será a Casa da Lectura o lugar de desenvolvemento das sesións deste club de activismo cultural para adolescentes.
Espazo Lectura comeza esta nova tempada con ilusións renovadas despois do descanso estival. Os equipos coordinadores están preparando unha programación variada e ilusionante, aberta a quen queira participar, que, coma sempre, procura o fomento da lectura en lingua galega.