O sábado 28 de outubro, de 20:00h a 22:30h, a Casa da Lectura acollerá a primeira sesión da tempada do Comando Le, o grupo de activismo cultural de Espazo Lectura para mozos e mozas de máis de 12 anos. No Comando Le achegámonos a diferentes temas a través do cine, a música, as conversas, as excursións, a amizade e, por suposto, a lectura.
Nesta primeira sesión presentarémoslles a actividade aos rapaces e rapazas que veñan por primeira vez, coa colaboración dos comandoleiros e comandoleiras que xa participaban en tempadas anteriores, faremos algúns xogos de presentación para que se coñezan e comentarémoslles cales son as nosas propostas para as próximas sesións. Ademais, como vén sendo habitual, cearemos todos xuntos, polo que as persoas que asistan deben levar algo, doce ou salgado, para compartir.
Iníciase así unha nova tempada que rematará, como é habitual, a finais de maio. Na seguinte ligazón pódense ver as fotos da sesión de peche da tempada 2016-2017, cunha excursión na que visitamos a Casa Museo de Rosalía de Castro, en Padrón, así como a Casa Museo de Manuel Antonio e o Museo do Mar, en Rianxo, onde tamén realizamos un xogo de pistas que lles permitiu aos comandoleiros e comandoleiras descubrir os principais referentes culturais e literarios da vila: