O Contomar está de celebración. Este luns 15 de febreiro de 2016 celebraremos a primeira década de vida do Contomar con todas as familias que se acheguen á biblioteca a partir das 18:00 horas.
No mes de febreiro de hai dez anos iniciábanse as sesións de contacontos semanais na Biblioteca de Municipal de Gondomar, botando a andar a actividade que foi o xermolo do que hoxe é a asociación Espazo Lectura. Ao longo destes dez anos, centos de crianzas e decenas de familias levan participado nun contacontos no cal as protagonistas son as familias asiduas á actividade, coa finalidade de crear un espazo de encontro dos nenos e nenas cos libros e a lectura a partir de dous piares fundamentais: as familias (as propias nais e pais dos nenos asistentes son os que preparan e contan as historias) e a biblioteca (as sesións realízanse sempre na Biblioteca Municipal de Gondomar).
Con esta galería de imaxes lembrabamos no ano 2010 os primeiros catro anos da actividade:
Na sesión do 1 de febreiro, foron Claudia, Mar e Luis quen lles narraron os contos “Así é o meu corazón”, “O avó de Zulaimar” e “As aventuras da mazá vermella” aos arredor de 25 nenos e nenas que se achegaron á biblioteca acompañados das súas familias. Estas son as fotos dese día.