A sesión do Sete Vidas de abril dedicouse a Carlos Casares e ao seu libro Vento Ferido. Vento Ferido foi o primeiro libro publicado por Carlos Casares. Era 1967, e a ditadura franquista estivo a piques de impedir a súa saída á rúa debido á mención dun “paseo” no relato Coma lobos. O enxeño de Paco Fernández del Riego salvou ó libro da censura e deu a coñecer a Casares e á súa novedosa narrativa. A ducia de relatos que compoñen o Vento dan forma a un mundo escuro, en blanco e negro, que resulta opresivo e desacougante, e ao mesmo tempo case que un fiel retrato da vida mesma. En apenas unhas páxinas e utilizando recursos como o monólogo interior o autor é quen de conectar aos lectores cos seus personaxes. A violencia, o fatalismo e a soidade que tecen as palabras de Casares provocaron intervencións moi variadas dos participantes deste Sete Vidas, que deron en reflexións sobre a capacidade de elección e o destino fatal dalgúns dos personaxes, así como os distintos tipos de violencia e as formas de exercela. Na segunda parte da sesión contamos coa presenza de Håkan Casares que compartiu con nós recordos e anécdotas de seu pai. Estas son as fotos dese día: https://goo.gl/photos/8eSxp8HZGsxCWfUq5
O escritor Antón Riveiro Coello participará este xoves no club de lectura Sete Vidas para falarnos da súa última novela
O día 4 de maio, xoves, ás 20:00 horas celebramos a sesión mensual do club de narrativa Sete Vidas na Biblioteca de Gondomar.
Nesta ocasión, a lectura escollida para comentar é A ferida do vento, de Antón Riveiro Coello. A narrativa de Antón Riveiro chega ao Sete Vidas por terceira vez. Nas anteriores ocasións foi con As rulas de Bakunin, en 2009, e Laura no deserto, en 2012. Tocaralle de novo no 2020, 2022…?
E na sesión estará con nós o autor para falar desta novela, A ferida do vento, novela de iniciación, de formación que, entre outros méritos narrativos que ten por si mesma, é unha homenaxe ao autor celebrado neste ano nas nosas letras, Carlos Casares; homenaxe ao libro do que falamos co seu fillo Hakan na anterior sesión do mes de abril, Vento ferido; e, amais doutros temas que xurdirán na tertulia, homenaxe tamén a eses marabillosos personaxes secundarios, os tolos, obxecto de especial querenza dos dous creadores, Carlos Casares e Antón Riveiro.
Promete unha vez máis, coma sempre con Antón, ser unha sesión interesante e divertida.
Por se vos apetece, unha interesante entrevista como anticipo: