O xoves 9 de xaneiro o Sete Vidas celebra a súa primeira sesión do 2020 con Carrusel, de Berta Dávila (Ed. Galaxia), gañadora do premio García Barros 2019. Será ás 20:00 no Keik (rúa das Ánimas 10, Gondomar).
En Carrusel unha escritora reflexiona sobre o seu pasado e a súa escrita, marcados pola súa doenza mental, mergullándose nas súas lembranzas.
O 12 de decembro o Sete Vidas reuniuse na Casa da Lectura para celebrar 100 sesións e falar de Vivir na fin do mundo, da xornalista e escritora sueca Christina Lilliestierna (Ed. Rinoceronte).
Christina Lilliestierna era unha recoñecida xornalista sueca cando decidiu mercar co seu home o pazo de Cadro (Marín) para mudarse a vivir aquí. Deixou atrás a súa vida anterior e a súa profesión para instalarse en Marín, onde morreu no ano 2000. Vivir na fin do mundo fálanos desta decisión, do choque cultural que supuxo para ela a Galicia dos anos 60, a vida no pazo, as relacións cos seus veciños…
Contamos na sesión coa presenza da tradutora Marta Dahlgren, que foi amiga da autora e visitante habitual do pazo.