Na sesión do Sete Vidas de marzo falaremos da novela O verán sen homes, de Siri Hustvedt, editada por Hugin e Munin e traducida por Alejandro Tobar. A actividade é o xoves 2 de marzo ás 20:00 horas, na Biblioteca Municipal de Gondomar, e está aberta ao público que queira participar.
O verán sen homes é unha novela escrita en primeira persoa que aborda con ironía e humor a ruptura dunha relación conxugal, e na que a autora trascende e relativiza o drama proporcionándonos reflexións e informacións sobre a súa personalidade e a súa visión do mundo, abordando diversos aspectos como a vellez, a enfermidade, a bioloxía e a neurociencia, os procesos cognitivos, a puberdade, o desexo…
Agardamos que sexa do voso gusto.
Velaí tendes algunhas recensións da novela:
Na sesión do pasado mes comentamos a novela Nordeste, de Daniel Asorey. Esta foi, sen dúbida, unha das sesións máis interesantes do Sete Vidas, tanto pola asistencia á sesión e pola novela en si, que gustou de xeito unánime, como pola presenza do seu autor. Daniel Asorey compartiu con nós (apoiándose en interesante material narrativo e fotográfico que achegou para a ocasión) o seu entusiasmo explicándonos as claves da creación da novela: o porqué do protagonismo feminino; da súa fantasía da Compostela con mar; a intención na construción dun pasado alternativo de Galicia; a relación entre bruxas e escravitude… Parabéns pola novela e grazas.
As imaxes dese día pódense ver aquí: https://goo.gl/photos/MeoFc3UJj9XXHvV39