O pasado mércores 22 de abril, dentro da Semana do Libro e a Lectura, celebramos unha nova sesión virtual do Sete Vidas en versión confinada. Dado que nestas circunstancias era difícil o acceso dos membros a unha obra concreta, fixemos unha sesión temática dedicada á tradución, as tradutoras e tradutores e as editoriais especializadas.
Foi unha sesión moi dinámica e agradable, tivemos menos incidencias técnicas e compartimos lecturas e opinións. Concordamos na grande importancia que ten para unha lingua o campo da tradución como elemento normalizador, pero tamén analizamos a importancia relativa que ten a tradución de obras contemporáneas dende o castelán pois, podendo acceder á versión “orixinal” das obras, algúns membros cuestionaban esta necesidade.
Tamén lembramos as tradutoras e tradutores que teñen pasado polo noso club, con especial atención ás mulleres por ser máis en número: Isabel Soto, Patricia Buxán, Eva Almazán, Celia Recarey, Marta Dahlgren…, por citar só algunhas, aportaron moito ao noso entendemento e análise das obras que pasaron polo Sete Vidas.
E por suposto o labor desas editoriais que teñen na tradución o piar fundamental do seu traballo: Rinoceronte, Hugin e Munin, Irmás Cartoné, Kalandraka…
Pasámolo ben 🙂
O xoves 7 de maio o Sete Vidas reunirase virtualmente para falar de Á lus do candil de Ánxel Fole (Editorial Galaxia). A sesión será ás 20:00h por videoconferencia.
Á lus do candil (Editorial Galaxia, 1953) foi a primeira obra narrativa publicada por Ánxel Fole. É un libro moi acaído nestes momentos (o autor sitúa os protagonistas, e contadores, illados pola neve nunha torre do Caurel), que nos conecta con outras circunstancias histórico-literarias de confinamento: pensemos, por exemplo, no “Decamerón” de Bocaccio, a xuntanza no Ano sen verán de Mary Wollstonecraft e Percy Shelley, Lord Byron… (da que xurdiron, entre outras, o “Frankenstein”) ou, máis recentemente, “A neve interminable” de Agustín Fernández Paz. O confinamento é o estímulo para contar (e re-crear) historias.
Está dispoñible na plataforma da rede de bibliotecas GaliciaLe para descargar ou ler en liña: Á lus do candil