Este mércores pola tarde, os paxaros entrarán polas ventás da Casa da Lectura, na sesión de animación semanal, agachados nas páxinas dos libros, e poderemos escoitar os seus chíos, ver os seus niños e gozar cos seus versos. O merlo, o cuco, a garza, o paporroibo… falarannos baixiño á orella e contarannos algún conto sobre as súas vidas. Precisamente, os paxaros son libres e fermosos coma os libros e por esa razón, na sesión deste mércores da Casa da Lectura, xuntarémolos para desfrutar dos seus voos, descubrir os seus cantos e, escoitar as súas historias e se cadra, solidarizarnos con eles.
A sesión comeza ás 18:00 horas e, media hora antes, aténdese o servizo de préstamo bibliotecario.
A semana pasada tivemos unha sesión de ratos e gatos. Lemos os contos de Griselda e O gato tragón e fixemos un estupendo colgadoiro para pomos de portas coa ratiña protagonista do primeiro dos contos. Estas son as imaxes dese día.