O próximo sábado día 12 de decembro, ás 19:30 horas, terá lugar no auditorio municipal Lois Tobío de Gondomar a entrega do VIII Premio de Poesía Victoriano Taibo, convocado polo Instituto de Estudos Miñoranos e a Entidade Local de Morgadáns. Na gala participarán, ademais do gañador, o poeta Iñaki Varela Pérez, a escritora Marta Dacosta, o grupo de gaitas Balcón do Miñor, de Morgadáns, e o grupo de teatro afeccionado Bertorella, que porá en escena unha dramatización de Contos pequenos, obra inédita de Victoriano Taibo. A entrega física do galardón correrá a cargo do alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, e clausurará esta actividade, previsiblemente, o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero.
O certame literario pasa por un momento difícil, pois necesita o compromiso decido das administracións da zona para ter continuidade; por iso, Espazo Lectura manifesta o seu apoio á continuidade deste prestixioso Premio. Neste sentido, animamos aos socios e socias de Espazo Lectura a que apoien coa súa presenza este sábado no auditorio de Gondomara a continuidade do certame.