Ás seis da tarde do luns 30 de maio celébrase na Biblioteca Municipal de Gondomar a última sesión da tempada do Contomar, para a cal, as coordinadoras da actividade contarán coa axuda de colaboradores/as moi especiais. Leremos, entre outros, os contos “Lobo feroz”, “A xoaniña rosmona” e “A eiruga larpeira”, e os nenos e nenas que nos acompañen recibirán unha sorpresa final.
Con esta sesión ponse fin a unha tempada durante a cal, como leva acontecendo nos últimos 10 anos, todos os luns a biblioteca se converteu nun espazo que abriu as portas ás familias para que desfruten dos contos e da lectura en compaña.
A sesión da semana pasada correu a cargo das coordinadoras de Contos en Cueiros que convidaron a asistir ao Contomar ás familias dos nenos e nenas de 3 anos que, logo desta tempada, se despiden de Contos en Cueiros. Durante a sesión léronse os contos “A que sabe a lúa?”, “Que tal estás?” e “O monstro de cores” e rematouse cunha foto conxunta de despedida dos nenos e nenas que deixan Contos en Cueiros pero lle dan a benvida ao Contomar para poder continuar o seu percorrido lector ao longo das actividades que Espazo Lectura ofrece para as diferentes idades. Ademais, as coordinadoras do Contomar compartiron o premio outorgado a Espazo Lectura na Iª Gala do Libro Galego con todas as persoas que acudiron á actividade ese día. Estas son as imaxes.