Diego Rey visita o club de lectura compartida Lendo Contigo
O club de lectura compartida en familia Lendo Contigo recibirá este próximo sábado 26 de abril, ás 12 horas, na Biblioteca Municipal de Gondomar, a visita do escritor e actor Diego Rey que irá falar de Xango, texto teatral dirixido a nenos e nenas de 6 a 11 anos que conta a extraordinaria historia dun home engulido por unha táblet, das súas aventuras atrapado no seu interior, das posibilidades do mundo tecnolóxico e da amizade.
Durante a sesión, encadrada dentro da programación da VII Semana do Libro e a Lectura organizada por Espazo Lectura e conlaboración co Concello de Gondomar, celebrarase tamén o Primeiro Concurso de Microteatro do Lendo contigo, onde sete parellas de nenos e nenas, futuros actores e actrices, representarán as microobras Mango, Fango (Lama), Fungo, Bingo, Frango, Tango e Longo. A duración de cada unha destas microobras non será superior aos 3 minutos e a caracterización e interpretación serán valoradas polo público asistente que poderá votar as súas parellas preferidas.
Lectura pola mañá e representación teatral pola tarde
Xa pola tarde, ás 18:00h, o Auditorio Lois Tobío de Gondomar acolle a representación teatral de Xango, a cargo da compañía Talía Teatro. O prezo das entradas é de 2´5 euros.
«Moita poesía, pouca diversión», con Lucía Aldao e María Lado, o sábado no Comando Le
Tamén o sábado 26 de abril, a partir das 20:30h, a Casa da Lectura acollerá unha nova sesión do Comando Le, dentro da programación da VII Semana do Libro e a Lectura. As poetas Lucía Aldao e María Lado serán as protagonistas da noite co seu espectáculo Moita poesía, pouca diversión, un recital poético diferente ao habitual, con música en directo, poemas propios, historias e moita participación do público. Aldao e Lado levan xa dez anos facendo xuntas poesía para todos os públicos, mesmo para aqueles que nunca se imaxinarían nun recital de poesía, e ofrecen aos asitentes aos seus espectáculos a posibilidade de sorprenderse, rirse e emocionarse a partes iguais coa poesía.