Falaremos na última sesión desta tempada do Club Lecturas Debuxadas arredor da obra Madialeva, de Ana Moreiras. Historias das mulleres no rural galego baseadas no que lle contou a nai da autora: “E madialeva, sempre me gustaron máis as criaturas bravas, intelixentes e bondadosas do que as belidas. Coma as mulleres coas que me criei, ás que adico os relatos que ides ler.”
Será o mércores 16 de xuño no Centro Neural de Gondomar, a partir das 20:00h. A autora participará a través de videoconferencia.
Na sesión anterior falamos de Dúas moedas; a historia do verán que unha adolescente española pasa nunha pequena aldea na costa de Senegal, acompañando á súa nai que traballa para unha ONG.
No tempo no que a súa nai axuda na construción dunha biblioteca, Mar relaciónase e fai amizade con rapaces e xente da aldea, e aprende dese xeito unha realidade distinta da súa, da nosa en definitiva, pero tamén moi diferente ao que podiamos imaxinar previamente. Afastada das redes sociais, e doutras convencións e normas que nos acompañan acotío, vive un verán distinto e de descubrimento.
A ilustradora Nuria Tamarit narra así unha historia sinxela, sen moralinas baleiras, na que a acción transcorre tranquila e facilmente.
O debuxo expresivo, algo caricaturesco pero sinxelo, está acompañado por unha cor excelente, precisa e vibrante, que foi especialmente gabada na sesión.
Con esta historia, baseada en parte na súa experiencia como cooperante, Nuria gañou o 1º Premi Valencia de Novela Gráfica.
Na segunda parte da sesión acompañounos a autora por videoconferencia, e con ela comentamos esta BD, a súa xénese, o seu traballo como debuxante con outros guionistas, e posibles novos proxectos.