A proposta do mes de novembro do club Sete vidas, e da que falaremos na sesión do xoves, 3 de novembro, é a primeira tradución realizada directamente do sueco ao galego por Marta Dahlgren, tradutora de gran recoñecemento e profesora da Universidade de Vigo, gañadora con este texto da XV edición do Premio Plácido Castro de Tradución. Trátase de Kallocaína (editorial Hugin e Munin), da escritora sueca Karin Boye.
A novela é un alegato contra o totalitarismo e o control social en clave de ciencia ficción, unha distopía ou antiutopía que retrata unha sociedade que reflicte o impacto que estaba a producir o nazismo e que contribuíu ao final tráxico da súa autora. Foi publicada en 1940, oito anos antes da clásica 1984 de George Orwell ou once antes de Fahrenheit 451 de Ray Bradbury.
A partir das 21:00 horas, contaremos coa presenza da tradutora da novela.
O xoves 6 de outubro comezamos a novena tempada do Sete vidas coa sesión dedicada á novela Zapatilla rotas de Xabier Quiroga, quen nos acompañou na segunda parte dunha sesión moi áxil, distendida e agradable para comentarnos algunhas das claves e constantes da súa escrita, e desta novela en concreto, que gustou ás lectoras e lectores do Sete Vidas de xeito unánime.