O próximo martes, día 17, temos a sesión do club Lecturas Debuxadas, na que comentaremos Yo maté a Adolf Hitler, de Jason.
Coma sempre, a actividade desenvólvese na Biblioteca de Gondomar, ás 20:00h, e a entrada é libre.
Deixámosvos o comentario dos coordinadores do club sobre a sesión do martes 20 de outubro e as imaxes dese día.
A sesión do martes 20 de outubro foi a que abriu o novo curso do club Lecturas Debuxadas. Reunímonos para comentar “Abastos”, unha obra que podemos cualificar de coral, pola moita xente que traballou nela, pero destacando o guionista Francisco José Abelleira e os debuxantes Pedro J. Colombo, Víctor Rivas, Beatriz Iglesias e Sagar Fornies. Entre eles contan unha historia de marcado carácter social e tremendamente actual, moi próxima tamén polos escenarios, familiares e facilmente recoñecibles. Coa curiosidade de ver como catro debuxantes resolven graficamente unhas mesmas personaxes e lugares, grazas a unha narración clásica e homoxénea, a disparidade de estilos queda ben reflectida, pero aínda así non resulta estraña.Na segunda hora estivo con nós Victor Rivas, que nos explicou as curiosidades e particularidades do proxecto da editorial Tres Pintamonas, ademais de falarnos tamén do seu traballo como ilustrador, e un pouco do seu método de traballo, do material que utiliza e como leva cambiado dende os seus inicios no mundo do debuxo.
Estas son as imaxes do día.