Este mércores, con motivo do día da discapacidade, visitaranos na Casa da Lectura un grupo de mestras do Centro Juan María que nos van presentar o conto «Os músicos do Valmiñor», contando e signando. A sesión comeza ás 18:00 horas e media hora antes aténdese o servizo de préstamo.
A semana pasada, fixemos un percorrido polas rúas das nosas casas a partir do conto «A Rúa da Tixola». Antes de ler o libro, Carmen conversou cos nenos e nenas sobre a nosa parroquia e os lugares onde vivimos, ao tempo que construía unha estrada nun prego de papel; convidounos a comer noces, xa que a Casa da Lectura está na parroquia de Nogueiras, e presentounos os personaxes do conto colgando o seu retrato nunhas arboriñas que preparou para a ocasión. Finalmente, Carmen leu o conto e agasallounos cunha tatuaxe de cariña alegre por ter compartido un tempo tan agradable.
As fotos dese día pódense ver nesta ligazón: https://goo.gl/photos/LrdAsKP47DYJUmi77