Este mércores, 31 de xaneiro, na sesión de dinamización lectora da Casa da Lectura emprenderemos unha estupenda viaxe atravesando o Atlántico, voaremos con Amelia Earhart e visitaremos o negriño Panchito. Para facer posible a viaxe, construiremos o noso propio planeta Terra. Todo isto será a partir das seis da tarde e, desde media hora antes, atenderase o servizo de préstamo bibliotecario.
A semana pasada tivemos unha verdadeira sesión lunática da man da astronauta Rosana, que nos amosou outros xeitos de acadar a lúa, sen necesidade de foguete espacial. Contou “A que sabe a lúa” e “Paco”, e convidounos a probar un anaquiño de lúa que, certamente, nos soubo a gloria. Logo da degustación, fabricamos o noso propio “rato subideiro”. Fantástica sesión para comezar a conmemorar o noso décimo aniversario.