Este próximo sábado 22 de outubro de 2016 de 20:00h a 22:30h na Casa da Lectura vaise celebrar a primeira sesión da tempada do Comando Le, a actividade de Espazo Lectura dirixida a rapaces e rapazas de máis de 12 anos.
Na primeira parte desta sesión os comandoleiros e comandoleiras que xa asistían en tempadas anteriores farán unha presentación da actividade para os rapaces e rapazas que se acheguen por primeira vez. Na segunda parte, logo dunha cea compartida, recibiremos a visita da escritora Iolanda Zúñiga, quen, a través dunha intervención titulada “Fast food e literatura”, lles falará de como comezou a escribir, ao tempo que recitará algúns dos seus poemas.
Con esta actividade retómanse as sesións do Comando Le, que se despediran a tempada pasada cunha saída a Ourense para facer un roteiro literario pola cidade, unha rolda de recomendacións de lecturas para o verán e unha visita á Casa Museo de Otero Pedrayo en Trasalba. Pódense ver as fotos dese día premendo aquí.