Na noite do sábado 1 ao domingo 2 de xuño Espazo Lectura vai organizar na Biblioteca Municipal de Gondomar a VI Noite na Biblioteca, con actividades que este ano estarán dedicadas ao poemario Contatrás, de Paula Carballeira. Poderán inscribirse nenos e nenas que estean cursando este ano Educación Primaria, que participasen ao longo do ano nas distintas actividades infantís de Espazo Lectura (Contomar, Casa da Lectura ou club de lectura compartida Lendo Contigo) ou que sexan fillos e fillas de socios de Espazo Lectura. Para inscribirvos, podedes mandar un correo electrónico a espazolectura@gmail.com ou chamar ao 633865721.
Por coincidir a data co acto de peche das escolas deportivas municipais, nas que participan moitos dos nenos e nenas que asisten tamén ás actividades de Espazo Lectura, este ano, excepcionalmente, non se van ofrecer as actividades da tarde abertas ao público que se organizaban en edicións anteriores e teremos só actividades nocturnas para os nenos e nenas que queden a durmir. Os nenos e nenas que se inscriban chegarán á biblioteca entre as 21:30h e as 22:00h, logo de cear, e participarán en diferentes actividades: un xogo de presentación, unha xincana poética con xogos relacionados cos poemas de Contatrás e un espectáculo poético a cargo de Chiqui Pereira e Paula Carballeira, actriz, contadora e escritora, autora do libro protagonista da noite.
As prazas son limitadas e cubriranse por orde de inscrición. O prazo para inscribirse remata o martes 28 de maio de 2013. Os nenos e nenas deben traer saco de durmir, un pixama, unha muda e as súas cousas de aseo. Como veñen á biblioteca despois de cear, non teñen que traer nada de comida xa que do almorzo se encarga Espazo Lectura. Abonda con que traian moitas ganas de divertirse e de pasalo ben lendo e xogando cos poemas e coas historias de Paula Carballeira.