Este sábado 25 de maio remata por esta tempada o club de lectura compartida Lendo contigo. Para esta última sesión do curso o libro escollido é Ensalada de bruxas, da escritora valenciana Rosa Serrano (Editorial Galaxia). Excepcionalmente, e por cuestións de espazo e material, a sesión celebrarase no comedor e na biblioteca do CEIP Souto Donas e dará comezo, coma sempre, ás 12:00 horas.
Aínda que non poderemos contar coa presenza da autora, temos preparadas grandes sorpresas gastronómicas e poderemos asistir a un obradoiro de cociña meiga, impartido por Mirian Rodríguez, no que elaboraremos comidas terroríficas que logo degustaremos e compartiremos durante o xantar de despedida.
Velaquí o menú bruxo que imos elaborar:
-Ensalada meiga
-Filloas recheas ao teu gusto (e ao das meigas!)
-Dedos de bruxa
-Xeado máxico
Duración do obradoiro: 2 horas, aprox. Prégase que os participantes no obradoiro leven unhas luvas de la.
Para poder organizar a actividade necesitamos que os nenos e nenas participantes se inscriban previamente, na medida do posible, enviando un correo a espazolectura@gmail.com. Ao remate faremos un xantar compartido para o que cadaquén, se pode, terá que levar algo. Será nas propias instalacións do CEIP Souto-Donas (a quen lle agradecemos a cesión das instalacións) ou, se o tempo o permite, no parque forestal de San Cibrán.