A activista feminista Amelia Tiganus estará en Espazo Lectura para falar do seu cómic Amelia, historia de una lucha e La revuelta de las putas, de víctima a activista, na sesión conxunta entre os clubs Daquelas que len e Lecturas Debuxadas.
Amelia conta, tanto na banda deseñada como no ensaio, a súa propia historia e realiza unha profunda reflexión sobre a realidade da prostitución. É un referente no activismo feminista e abolicionista.
Será o martes, 26 de abril, a partir das 20:00h, na Biblioteca municipal de Gondomar, e contaremos coa presenza da autora.
O martes 15, na sesión de marzo do Club Lecturas Debuxadas, xuntámonos a falar sobre Rhapsody in Blue, adaptado e debuxado por Andrea Serio. Foi unha sesión moi concurrida e animada, arredor dunha obra que podo decir que gustou moito.
O cómic narra como a vida dun mozo xudeu italiano muda de apracible e tranquila a ter que emigrar e vivir nunha situación moito máis complicada cando en Italia se aproban as leis raciais de Mussolini, e como volve desde Estados Unidos para loitar nos últimos anos da Segunda Guerra Mundial.
Serio aproveita esta historia para crear, coa axuda do debuxo, unha BD impactante, melancólica, emotiva e graficamente abafante. Lonxe de estridencias, as situacións que describe gañan intensidade pola potencia dos escenarios, a luz, a cor. Cunha referencia obrigada aos cadros de Hopper, o xeito de narrar coas paisaxes, a beleza das páxinas, foi uns dos aspectos máis comentados desta obra, que realmente gozamos moito.