Dentro da programación da XI Semana do Libro e a Lectura, a Casa da Lectura acolle este mércores, a partir das 18:00 horas, a sesión de contacontos “Bailando as nubes”, a cargo da narradora oral Soledad Felloza. Para nenas e nenos a partir de 3 anos.
A actividade de dinamización lectora da semana pasada xirou arredor da oceanógrafa Ángeles Alvariño, unha das doce mulleres que se recollen no álbum “Pioneiras. Galegas que abriron camiño” (Xerais, 2018). Víctor, ao aire libre e baixo a cerdeira, presentounos o libro e logo contounos a vida desta precursora da ciencia mariña utilizando unha pantalla plana de HDI (alta definición imaxinativa). Con ela foi estirando o conto dun xeito incrible e acompañando a secuencia de imaxes coa súa delicada voz. Logo entramos na Casa da Lectura e, mentres as nenas e nenos pintaban e recortaban peixes, preparámoslles unhas canas para que os pescasen. Velaquí as imaxes dese día.