O vindeiro sábado 13 de xuño o club Daquelas que Len remataremos a tempada homenaxeando a vida e obra da protagonista das Letras Galegas deste ano, Begoña Caamaño, referente do xornalismo crítico, a literatura galega e o compromiso e activismo social.
Begoña Caamaño (Vigo 1964-Santiago 2014) foi unha xornalista, escritora e activista destacada pola súa labor cultural, feminista e política. Cursou a carreira de Maxisterio pero a súa traxectoria profesional transcorreu no xornalismo, traballando en Radio Noroeste, Radio Popular e, finalmente, na Radio Galega, onde chegou ser redactora de servicios informativos e, posteriormente, dirixiu e presentou programas como Andando a Terra, Club Cultura e Expreso de Media Noite.
Begoña destacou sempre polo seu activismo feminista e político. Foi impulsora da Asociación de Mulleres Galegas na Comunicación (MUGACOM), formou parte de Mulleres Nacionalistas Galegas, de Mulheres Transgredingo e participou na Marcha Mundial das Mulleres.
Como escritora, publicou dúas novelas: Circe ou o pracer do azul (2009) e Morgana en Esmelle (2012), e foi galardoada con varios premios, entre eles, o Premio da Crítica da Narrativa Galega, o Premio Antón Losada Diéguez, o Premio Ánxel Casal e o da Asociación de Escritores en Lingua Galega. Ambas obras destacan pola súa prosa máxica, o feminismo transgresor e a marabillosa capacidade de reescribir e reinterpretar os mitos clásicos da Odisea e as lendas artúricas, desde a perspectiva de xénero, devolvéndolle a voz ás protagonistas dos mesmos (Penélope, Circe, Morgana…), desmontando a arquitectura patriarcal dos clásicos e reconstruíndoos desde as marxes.
O encontro terá lugar ás 12:00 h na Casa da Lectura (Donas).




