O próximo libro que nos convocará no club de lectura compartida Lendo Contigo será ¿Quen me quere adoptar?, de Fina Casalderrey. A escritora pontevedresa acompañaranos na próxima sesión de Lendo contigo, o sábado 29 de marzo ás 12 h. da mañá na biblioteca municipal de Gondomar.
¿Quen me quere adoptar? é un libro que lles propón aos nenos e nenas de oito anos en diante unha reflexión sobre a soidade que viven moitas das persoas maiores. ¿É posible adoptar un avó? A importancia e o valor dos libros e as relacións familiares son outros temas que trata esta historia, ilustrada por Mª Fe Quesada. O libro mereceu a distinción White Ravens 2006 en Alemaña, outorgada aos mellores libros do ano publicados nas distintas linguas do mundo.
Fina Casalderrey (Xeve, Pontevedra,1951) exerce a profesión de mestra desde moi noviña e na actualidade ensina en Secundaria. Precisamente no ensino comezou a crear e dirixir pezas teatrais, representadas polo seu alumnado. Autora de libros de gastronomía, colaboradora en prensa, conferenciante… a súa principal actividade como escritora céntrase no ámbito da literatura infantil e xuvenil, o que lle valeu en 1996 o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil coa novela O misterio dos fillos de Lúa. Hoxe, a maior parte da súa obra está traducida a linguas como o catalán, éuscaro, asturiano, aragonés, castelán e portugués. No marco da Feira Internacional do Libro da Habana 2008 acaba de editarse en Cuba o seu libro Prohibido casar papá baixo o título No te cases, papá.
Polos seus libros recibiu numerosos premios e distincións, entre eles o Premio Merlín de Literatura Infantil 1991 por Dúas bágoas por Máquina, o Premio Edebé de Literatura Infantil 1995 por O estanque dos parrulos pobres, O Barco de Vapor 1994 por O misterio dos fillos de Lúa (amais do Nacional de Literatura), e Premio Cidade de Pontevedra 1996 pola totalidade da súa obra.
Outros libros de Fina Casalderrey que recomendamos:
Dúas bágoas por Máquina, 1992
Chamizo, 1994
O misterio dos fillos de Lúa, 1995
¡Prohibido casar, papá!, 1996
O estanque dos parrulos pobres, 1996
Ás de mosca para Anxo, 1998
Pinpím e dona Gata, 1999
Bicos de prata, 1999
¡Puag, que noxo!, 2002
¡Un can no piso! ¿E que?, 2003
Xela volveuse vampira, 2007
A lagoa das nenas mudas, 2007