O sábado 26 de xaneiro, o Comando Le celebrará unha nova sesión dentro das actividades que este trimestre están a desenvolver baixo o título Mundos fantásticos. Logo de asistirmos xuntos a ver a película El hobbit: un viaje inesperado e de ler O hobbit, a novela de Tolkien na que se basea a película, a sesión do día 26 vainos permitir comparar a novela coa película e conversar sobre o traballo de adaptación realizado. Aproveitaremos tamén para falar dos dereitos de autor e da propiedade intelectual, así como da importancia que isto ten na difusión, reprodución, adaptación ou tradución de obras de creación artística.
Logo de que nesta primeira parte do trimestre as sesións do Comando Le xirasen arredor de literatura e cine tomando como base a novela O hobbit, de Tolkien, no mes de febreiro leremos a novela Cartas de inverno, de Agustín Fernández Paz, e a adaptación ao cómic que desta obra realizou Antonio Seijas.