Na sesión deste mes de novembro abordaremos o libro A vida toda de De la Calle*Sempere*Ruiz de Retranca editora. Daniel, un psicanalista arxentino de mediana idade, leva anos exiliado en París, dende o golpe de Estado encabezado por Videla. Afastado do seu pasado e sen volver nunca ao seu pais natal, vive unha existencia tranquila, aínda que marcada por certa apatía…, até que unha chamada inesperada fai tremer todo o que cria saber. O Banco Nacional de Datos Xenéticos da Arxentina atopou unha coincidencia positiva. Mais non se trata da súa irmá “Desaparecida”: é a súa filla. O problema é que Daniel nunca tivo descendencia con ningunha das súas parellas. Podería tratarse dun erro do que está considerado o mellor departamento forense do mundo?
Esta revelación dá pé a unha historia sobre a memoria recente da Arxentina, os crimes da ditadura e a persecución sufrida por toda unha xeración de mozos idealistas que soñaron con transformar o seu país. Daniel terá que enfrontarse a aquilo do que leva fuxindo toda a vida, sexa o seu pasado ou mesmo a súa propia identidade, nunha nación que aínda arrastra demasiadas feridas sen pechar.
Na sesión anterior reunímonos na Biblioteca de Gondomar para comezar unha nova temporada de Lecturas Debuxadas, comentando “La Nueva Arcadia” (Nuevo Nueve), obra de Juanjo Rodríguez. Falamos da axilidade e divertimento da lectura e das numerosas referencias á mitoloxía. Por outra banda, as lecturas sociais son claras e actuais: a especulación, a invasión turística, o deterioro ambiental. En definitiva, unha obra limpa e luminosa da que gozamos moito.
A sesión terá lugar o martes 17 de novembro ás 20:00h na Biblioteca Municipal de Gondomar e, se non podes acudir, poderás participar mediante videoconferencia. Para recibir o enlace envía un correo a lecturasdebuxadas@gmail.com.
Agardámoste!




