“Terra Delas” no Daquelas que Len

O vindeiro sábado 21 de novembro o club Daquelas que Len comezamos a nova tempada con Terra Delas, escrito por Charlotte Perkins Gilman, traducido ao galego por Raquel Senra e publicado por Árbore Azul, un proxecto ecofeminista galego que une literatura, coidados e sostibilidade.

Charlotte Anna Perkins Gilman (1860-1935) foi unha das principais voces do feminismo do seu tempo. A súa ampla carreira como escritora, pensadora e activista feminista norteamericana deixou un legado que perdura ata os nosos días. O seu pensamento revolucionario abordou temas como a independencia económica das mulleres, a crítica ao sistema patriarcal e a importancia da reestruturación das relacións sociais. Obras destacadas: Mulleres e economía, O empapelado amarelo, A casa, A súa relixión e a delas… 

Terra Delas (Herland) foi publicada en 1915 e é considerada unha das novelas pioneiras do feminismo utópico, na que a autora imaxina unha sociedade sen homes nunha terra illada e descoñecida, onde as mulleres viven dende hai dous mil anos, de forma pacífica e frutífera, ata que unha expedición de tres homes irrompe a súa calma e benestar, facendo que choquen normas, costumes e, en definitiva, a forma de ver e entender a vida. A historia permite achegarnos a ideas e temáticas pouco convencionais para a época, sobre as aptitudes e os roles femininos e masculinos, a maternidade, a relación nai-filla, a educación, a sororidade, o sentimento de comunidade, a sexualidade e o desenvolvemento sostible, entre outras.

O encontro terá lugar ás 12:00 h na Casa da Lectura (Donas) e contaremos coa asistencia de Raquel Senra Fernández (tradutora e impulsora do proxecto Árbore Azul).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *