O vindeiro martes 13 de xuño terá lugar a última sesión da tempada do club Lecturas debuxadas de Espazo Lectura coa novela gráfica As 9 cruces, de Fernando Llor e o alumnado de O Garaxe Hermético, editada pola Deputación de Pontevedra.
As 9 cruces conta a historia do que aconteceu o 15 de outubro do 36 cando un cabo da Garda Civil e un grupo de falanxistas fusilaron a sete mariñeiros, un labrego e un ferreiro, na curva de Baredo, desde entón coñecida como A Volta dos Nove.
A obra está coordinada polo debuxante Kiko da Silva, co guión de Fernando Llor e os debuxos de Fonso Barreiro, Zaida Novoa, Pablo Prado, Damián Gómez Figueiras, Andrés Chinchilla, Antonio Recuna, Miguel Rojo, Mara Méndez, Daniel Corrada, Jorge Fernández, Álex Rozazos e Miriam Iglesias. Esta novela gráfica foi publicada por capítulos na web de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra e, con posterioridade, distribuíuse nun libro impreso que xa está ao dispor de quen queira telo. Se queredes asistir á actividade, na libraría Libraida de Gondomar podedes recoller os exemplares de balde.
Contaremos coa presenza de Fernando Llor, guionista, e Xose Lois Vilar, historiador e membro do IEM, para falar sobre o proceso de creación e afondar na Memoria histórica. Nesta ocasión cambiaremos de ubicación e faremos a sesión en dous tempos: primeiro, un paseo ata A Volta dos Nove en Baredo (Baiona) e despois no Centro Cultural Liceo Marítimo de Baiona continuaremos comentando a obra.
Quedaremos ás 19:45h do martes día 13 nas pistas de baloncesto do parque da Palma de Baiona para iniciar a andaina.
Esta actividade, como todas as de Espazo Lectura, é aberta a todas as persoas interesadas en compartir as lecturas.