Daquelas que Len despide esta tempada o vindeiro sábado 17 de xuño coa primeira novela para adultos de Fina Casalderrey, A muller xabaril (Xerais).
A autora, membro da Real Academia Galega, conta cunha ampla e fecunda traxectoria en literatura infantil e xuvenil e, ademais de multitude de premios e recoñecementos de crítica e público, este ano foi nomeada aos premios Andersen e acaba de recibir en Pontevedra a homenaxe Escritora na súa Terra-Letra E (de escritora) impulsada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).
A muller xabaril conta unha historia amarga, intrigante e conmovedora ao redor da figura de Adelina, a principal protagonista da obra. Unha muller culta nacida a inicios do século XX que se vai convertendo nun repulsivo esperpento, nun animal. Estructurada de forma cíclica, comeza e remata no presente do narrador, Ramiro, un xubilado mestre de matemáticas que acompaña os seus recordos da infancia coa banda sonora de Imagine (John Lennon) e vai recompoñendo ata o presente, coa axuda da súa neta, estudante de arquitectura, a vida e o segredo que agocha a muller xabaril. A voz das mulleres é parte fundamental desta obra, son elas as que contan en primeira persoa as súas vivencias nun espazo temporal que vai desde a primeira metade do século XX atá o presente.
En definitiva, trátase de unha obra que permite moitos planos distintos de lectura e visibiliza, reivindica e dignifica a figura de moitos destes personaxes diferentes, estrafalarios, que facendo parte da nosa paisaxe vital, viven á marxe da sociedade, sen que saibamos apenas nada deles e das circunstancias que os levaron a esa situación. Unha historia que rabuña as entrañas…
Terá lugar ás 12:00 h na Cafetería Keik (Rúa das Ánimas, 10) e contaremos coa presenza da autora.