O lume, de David Rubín, no Lecturas debuxadas de maio.

O martes, día 23 de maio teremos unha nova sesión do Lecturas Debuxadas coa obra “O Lume de David Rubín (Demo editorial). Un inmenso asteroide aproxímase á Terra en traxectoria de colisión. Alexander Yorba, afamado arquitecto de mediana idade, é o encargado de idear e erguer con urxencia unha colonia lunar para asegurar a supervivencia da humanidade ante o inevitable desastre. 

Inmerso nesa construción, diagnostícanlle un tumor cerebral en fase terminal; apenas lle quedan de vida os mesmos meses que faltan para que o asteroide colida co noso planeta. Este dramático feito fai que reconsidere a súa propia natureza profesional e persoal, o que o leva a renunciar aos seus labores na colonia para reunirse coa súa familia, coa que case non ten contacto. Unha decisión que desencadeará unha serie de fatídicos acontecementos que danarán o crédito profesional e a vida familiar de Alexander, e que o condenarán a vagar nunha dramática, visceral e reveladora odisea por diferentes lugares do mundo: unha desesperada carreira cara á fin dos tempos, contra a morte, a loucura e a súa propia e atormentada conciencia.

A sesión terá lugar na Biblioteca Municipal de Gondomar ás 20:00h. Se queres participar mediante videoconferencia, envía un correo a lecturasdebuxadas@gmail.com

Na sesión de abril gozamos da lectura de Manual de escola de Xosé Tomás. A través da proposta  de viñetas de humor gráfico sobre a escola reflexionamos sobre a nosa propia experiencia na escola desde diferentes puntos de vista: como as crianzas que fomos, mestras, adultos, pais e nais e cidadáns todas. Un tema universal no que todas e todos temos experiencias e que  Xosé Tomás describe con “mestría” e precisión.  

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *