O club de lectura Sete vidas despediu a tempada o pasado 5 de xuño cunha sesión na que contamos coa presenza de Pedro Feijoo para falar do seu libro Os fillos do mar, unha novela de ritmo trepidante, que suscitou unha valoración moi positiva por parte dos asistentes. O autor confirmou que, efectivamente, fora a súa vontade escribir unha historia que enganchase os lectores, que tivese vocación de conectar. Pedro Feijoo tamén resaltou a importancia da memoria e a vontade da súa novela de afondar na nosa identidade histórica. A ese respecto, algúns dos participantes resaltaron o atractivo engadido que supón para o lector o itinerario, actual e histórico, que se propón indirectamente, a través dos personaxes, pola arquitectura e o patrimonio histórico-monumental da cidade de Vigo. Ao remate, Pedro Feijoo comentou que xa está a traballar en novos proxectos e que ten unha novela moi adiantada.
Con esta sesión, o club Sete vidas despediu a tempada. As lecturas e as conversas retomaranse no mes de outubro coa novela Laura no deserto, de Antón Riveiro Coello, editada por Galaxia. Con estas imaxes da nosa conversa con Pedro Feijoo despedímonos e desexámosvos unhas boas vacacións cheas de libros e lecturas.