Este pasado mércores 13 de xuño a Casa da Lectura acolleu a celebración da voda do tío Perico. Os convidados asistiron primeiro a unha recepción na que recibiron as instrucións necesarias para participar no evento e puideron engalanarse cunhas elegantes pamelas e outros complementos. A continuación, organizados en grupos (as leitugas, as cabras, os paus, os lumes e as chuvias), ensaiaron a súa parte do conto e agardaron a chegada do galo Quirico que, logo de papar o vermiño, foi recibindo un merecido castigo por parte dos distintos grupos, que o acompañaron a ritmo de rap no seu accidentado camiño cara á casa do tío Perico, onde acabou na pota do cociñeiro, quen preparou con el unhas saborosas tiras de galo fritido que todos os convidados puideron degustar no banquete final.
Aquí vos deixamos a crónica en imaxes desta orixinal celebración, festeira e moi participativa, coa que despedimos ata despois do verán as sesións de dinamización dos mércores na Casa da Lectura. Grazas a todos os contadores e contadoras que fixeron posible que cada mércores a Casa da Lectura nos acollese e nos sorprendese cun amplo e variado abano de propostas de dinamización lectora e grazas tamén a todas as familias que cada semana se achegan a Donas para gozar e compartir historias e afectos. Vémonos de novo despois do verán.